“VIAXES E CONSTRUCIÓN DO PENSAMENTO. VIAXES E VIAXEIROS NA GALIZA ANTERIOR A 1936”

Fernández Pérez-Sanjulián, Carme, ed. Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na galiza anterior a 1936. A coruña: Universidade da Coruña, Servizo de Publicacións / Fundación Vicente Risco, 2011, 316 páxinas.
 
 
Leticia Eirín García
Universidade da Coruña
 
 
En setembro de 2010 celebrouse en Ourense o curso de verán Viaxes e construción do pensamento: viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936, organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Vicente Risco, cuxos relatorios e ponencias vemos agora recollidos baixo o mesmo título nun volume que ocupará a nosa atención nestas páxinas, editado pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, e saído do prelo no pasado ano 2011.Tal e como a propia organizadora e editora indica na “Introdución”, a finalidade do curso e, consecuentemente, da presente obra, ten unha dupla vertente: por unha banda, un achegamento ao estudo sobre a relevancia que as viaxes, tanto as realizadas en territorio galego como alén dos límites xeográficos do noso país, tiveron na aprendizaxe das elites intelectuais galegas do coñecido como o Segundo Renacemento, coincidente, a grandes trazos, co período de preguerra, o primeiro terzo do século XX. E por outra, o exame ou análise da significación desas viaxes na conformación do discurso identitario da Galiza nese mesmo período.

Enumera e desenvolve igualmente Fernández Pérez-Sanjulián nesas páxinas previas unha serie de obxectivos complementarios que –xa a priori nos atrevemos a afirmar–, os diversos especialistas se encargaron de executar con cumprida eficacia e competencia a través dos seus traballos incluídos neste volume. Trátase de cinco puntos por volta dos cales se artellan os dezanove artigos que compoñen a obra e que están centrados, en liñas xerais, na análise do discurso creado a partir da temática da viaxe no ámbito cultural galego da época citada, no estudo das diversas tipoloxías textuais xurdidas a partir deste topos, no exame da simboloxía da viaxe nos textos literarios, na consideración das viaxes na conformación da antedita elite intelectual galega, ou na construción do discurso identitario galego.

Á vista do anterior queremos, en primeiro lugar, chamar a atención para a ampla visión que nos ofrecen os traballos aquí incluídos, posto que, entre outros aspectos, non se limitan ao fenómeno literario, senón que tamén engloban outras artes e ámbitos. Desta maneira, observamos como por exemplo Xosé Somoza Medina examina os puntos en que conflúen a xeografía e a literatura, reparando na súa evolución ao longo dos tempos e chegando ao turismo e ás guías en que os devanditos elementos aparecen combinados. O patrimonio arqueolóxico como medio para o coñecemento do país é estudado por José Mª Eguileta Franco en “Turistas, viaxeiros, investigadores e identidades”, mentres que o profesor Carlos F. Velasco Souto nos ofrece un punto de vista máis histórico, insistindo no interese do nacionalismo galego por un discurso enfocado na viaxe como aprendizaxe a través do coñecemento doutras culturas. Pola súa parte, Pablo Gallego Picard en “Viaxe, paisaxe e memoria: Unha Viaxe por… 1929-2009” analiza as imaxes da paisaxe galega filmadas polo fotógrafo e realizador Luís Rodríguez Alonso, en canto o profesor Manuel Forcadela centra a súa atención, de xeito moi atinado, ao noso parecer, na figura da estadounidense Ruth Matilda Anderson, tamén fotógrafa, e na súa particular visión da paisaxe, habitantes e costumes da Galiza plasmada nos milleiros de fotografías tiradas na nosa terra nas viaxes que realizou entre os anos 1924 e 1925, e que constitúe, de por parte, ese “ollar do Outro”, en palabras do propio autor. Noutro sentido ben diferente, examina Ricardo Gurriarán o importante papel dos estudiosos galegos das ciencias experimentais que, grazas a un programa de política científica creado a comezos do século XX, puideron viaxar ao estranxeiro e así contribuír á difusión da modernidade e á construción do pensamento.

Especial mención merece, na nosa opinión, o capítulo “A viaxe inacabada da literatura de viaxes: paradoxos, cuestionamento e transformacións dun xénero”, debido a María López Sández que, desde un plano moito máis teórico, realiza unha suxestiva e esclarecedora exposición na cal inclúe unha definición do sempre complexo ‘xénero de viaxes’, as fases do seu desenvolvemento desde a segunda metade do século XVIII até comezos do XX, así como os seus precedentes –desde Herodoto e Estrabón até Cristovo Colón, pasando pola monxa Exeria ou Marco Polo–. Para o caso galego, repara na significativa e, sen dúbida, non casual importación deste xénero por parte dos homes da Época Nós, nomeadamente Risco, Castelao e Otero Pedrayo, creadores dunha literatura de viaxes que comparte características do ensaio e da ficción./p>

Xa na análise do ámbito cultural e ideolóxico da Galiza de comezos do século pasado, María Pilar García Negro considera a concepción que os intelectuais da época tiñan da viaxe e da literatura de viaxes, establecendo unha pertinente distinción entre “viaxe masivo-forzosa (a emigración)” e “viaxe voluntario-propositada (a da minoría intelectual do tempo)”, cuxo punto de encontro sería a “viaxe centrípeta”, que implica o regreso ao país. Noutro sentido, Kathleen March en “A Galiza dos séculos XIX e XX: A ollada anglosaxona” achéganos diversas observacións tiradas do estudo dos escritos e doutros documentos de seis mulleres anglosaxoas que viaxaron por terras galegas nesta época: Jane Leck, Katherine Lee Bates, Annette Meakin, Catherine Gasquoine Hartley, Georgiana Goddard King e Ruth Matilda Anderson, xa citada a propósito do capítulo de Manuel Forcadela; como podemos comprobar, este artigo amósanos diversas olladas de Galiza desde unha perspectiva feminina e foránea.

Debemos mencionar a seguir un grupo de tres estudos, debidos a Anxo Angueira, Francisco Salinas Portugal e Alberto Allegue Leira, e focalizados na representación na literatura da descuberta do país. Angueira fala da asociación da poética literaria dun grande número de autores da literatura galega á paisaxe (Frei Martín Sarmiento, Rosalía de Castro, Blanco Amor, Novoneyra, Méndez Ferrín, Lois Pereiro, Manuel Rivas etc.), mentres que o profesor Salinas analiza a novelaArredor de si de Otero Pedrayo e o relato “Dedalus en Compostela” de Risco, exemplos da viaxe como experiencia individual, para neles atopar unha clara dimensión identitaria e de construción da nación. Pola súa parte, Allegue Leira examina con pormenor as circunstancias que deron orixe a Pelerinaxes I, do xa amplamente citado Ramón Otero Pedrayo, obra frecuentemente sinalada como o paradigma de literatura de viaxes no ámbito do sistema literario galego.

“A imaxe de Galiza na emigración” é o epígrafe que titula o contributo de Bieito Alonso Fernández, e que obviamente reflexiona sobre a imaxe que a colectividade que saíu da Galiza entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX posuía da nosa terra, tendente á creación de estereotipos e tópicos, en coexistencia cunha outra imaxe cunha maior carga ideolóxica aparecida ao abeiro dos grupos vinculados ao galeguismo nese mesmo ámbito da emigración. Seguindo con esta liña, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel analiza os xornais Galicia ModernaCentro Gallego e Terra, nacidos igualmente na emigración, como fonte para o coñecemento da organización da comunidade galega presente ao outro lado do océano.

Os últimos capítulos de Viaxes e construción do pensamento centran a súa atención en figuras concretas e senlleiras da nosa literatura, así como nas súas experiencias viaxeiras ao estranxeiro: a profesora Camiño Noia dedica o seu contributo á “Viaxe de estudos de Castelao a Europa” e Luís Martínez-Risco á realizada por Vicente Risco e relatada en Mitteleuropa. Finalmente, e aínda que se trata de autores máis novos que os anteriores e, por tanto, tamén máis afastados da denominada Época Nós e da súa concepción estético-ideolóxica, préstase igualmente neste volume especial atención ás viaxes de Rafael Dieste, Lois Tobío e Augusto Assía, tratadas por Arturo Casas, Marga Romero e Xosé Ramón Pousa respectivamente.

Non podemos deixar de reparar no feito de parte dos estudos confluíren en diversos aspectos –por veces dun xeito reiterado que quizais se podería evitar–, nomeadamente no que se refire a tres das grandes personalidades do Grupo Nós (Risco, Castelao e Otero Pedrayo) e ás obras que reflicten as súas viaxes biográficas e literarias. Porén, e dadas as características das súas obras e das súas propias traxectorias vitais, son autores que teñen de ser necesariamente tratados neste volume.

Á vista do previamente indicado e valorado, esta obra supón un contributo digno de ser evidenciado pola singularidade do tema tratado, posto que se ben existen algúns estudos previos sobre as viaxes na literatura galega, estes non deixan de constituíren, na súa maioría, análises parciais que aparecen unidas ou ligadas a outros aspectos, como por exemplo á construción nacional na literatura de certos autores; deste modo, cómpre salientarmos a publicación deste volume como un excelente achegamento a unha temática merecedora, na nosa opinión, dunha maior atención por parte da crítica. Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936 reúne, en definitiva, unha serie de estudos absolutamente esenciais e indispensábeis para o coñecemento e a xusta valoración que o fenómeno das viaxes, e os textos que delas se derivaron, tiveron na Galiza do primeiro terzo do século XX como medio fundamental para a conformación do discurso identitario galego.

 
 

'“VIAXES E CONSTRUCIÓN DO PENSAMENTO. VIAXES E VIAXEIROS NA GALIZA ANTERIOR A 1936”' has no comments

Be the first to comment this post!

Would you like to share your thoughts?

Your email address will not be published.

Images are for demo purposes only and are properties of their respective owners.
Old Paper by ThunderThemes.net

Skip to toolbar