NOVOS RETOS DA LINGÜÍSTICA: AS TEXTUALIDADES ELECTRÓNICAS. CONSIDERACIÓNS SOBRE A ESCRITA DOS CHATS E DAS SMS

Estefanía Mosquera Castro*
Universidad de A Coruña

 

1. Nota introdutoria

Nas últimas décadas o ámbito da informática e das telecomunicacións experimentou un grande desenvolvemento, especialmente notábel no campo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Con todo, non se trata só dunha mudanza exclusivamente tecnolóxica, mais tamén estamos perante unha verdadeira transformación social e cultural que tivo repercusións en moitos ámbitos da sociedade. Nestes medios, os sistemas de comunicación tamén se viron afectados, dado que as TIC permiten a transmisión dixitalizada da información, que pasa do formato analóxico ao dixital en forma de códigos numéricos que permiten manipular e distribuír a información dun modo máis sinxelo e rápido, o que tamén terá consecuencias no modo en que se emprega a lingua (Vela Delfa 100). Nesta liña, a tecnoloxía que asume o papel máis relevante nesta nova esfera é a Internet, que goza dun posto privilexiado grazas ao seu grande potencial comunicativo –que favorece o acceso a grandes cantidades de información sen limitacións de espazo e de tempo–, e á forte aceptación que está a ter, o que provocou un crecemento exponencial nos últimos anos. Igualmente, os avanzos na tecnoloxía móbil favoreceron o aparecemento doutros sistemas de comunicación electrónica para as persoas interaxiren, como as chamadas de voz ou as SMS.

Por tanto, a telefonía móbil, o correo electrónico, a videoconferencia, os servizos de mensaxaría ou os chats son algunhas das posibilidades comunicativas que nos ofrece a dita converxencia da Informática, da Telemática e do Multimedia. E se ben que nos primeiros anos a análise do correo electrónico como nova modalidade discursiva atraeu o interese de numerosos investigadores, co paso do tempo a atención foise centrando noutras textualidades electrónicas, como os chats. Este é un dos xéneros que manifesta un maior atractivo para os lingüistas por causa das condicións particulares en que se desenvolve o intercambio. Neste sentido, esta tipoloxía discursiva aproxímase da conversa tradicional, embora vehiculada a través da modalidade escrita e sen a presenza física dos alocutarios. Na mesma liña, a comunicación por medio do sistema de mensaxes curtas (SMS) está a experimentar unha grande aceptación, sobre todo nas faixas etarias máis novas, equiparábel á doutros medios de comunicación dixital, como o correo electrónico, ao que en certos contextos chegou mesmo a superar1. Para alén disto, esta modalidade discursiva interesa polas súas implicacións lingüísticas, motivadas por certas restricións no número de caracteres enviados e recibidos no intercambio de mensaxes.

 

2. Dous sistemas de comunicación electrónica

2.1. O chat

Tal é como o coñecemos na actualidade apareceu en 1988, ano en que o finlandés Jarkko Oikarinen creou o sistema IRC (Internet Relay Chat) e á diferenza dos seus predecesores, baséase no estabelecemento de canles de conversa (Vela Delfa 113). Trátase dunha aplicación multiusuario que permite comunicar entre si dous ou máis computadores utilizando os servidores da Rede IRC e entrando en calquera das salas de chat, dedicadas cada unha a un tema específico2. Cómpre salientarmos a variedade de tópicos, pois algunhas canles pódense identificar co nome dun país, outras por intereses comúns (#deportes, #poesía etc.), outras pola faixa etaria a que pertencen, ou mesmo polo emprego dunha determinada tecnoloxía (#mac). A conversa virtual por Internet é, segundo Yus, unha interacción oral nun soporte escrito, unha nova forma de comunicación que posúe os seus propios códigos de funcionamento (79). A respecto das características deste medio sincrónico3, convén sinalarmos as seguintes: por unha parte, posúe un número significativo de usuarios que participan de forma estábel nun mesmo espazo temporal e as mensaxes que se envían ao chat tenden á interactividade; por outra parte, as persoas usuarias interaxen mediante a súa presenza virtual a través de alcumes, mais manteñen no anonimato a súa verdadeira identidade.

As intervencións das persoas usuarias están xeralmente limitadas a un máximo de catro liñas e, ao contrario do que acontece no correo electrónico, as mensaxes que se envían non se arquivan. Existen dúas áreas de interacción: unha pública, en que todas as persoas poden participar, e unha privada. No entanto, as conversas públicas e as privadas poden ser desenvolvidas de forma simultánea. Nestes medios de comunicación sincrónicos a noción temporal adquire unha relevancia notoria. De acordo con Crystal, a demora ou o tempo que tarda en chegar a mensaxe do remitente ao resto dos interlocutores non é de vital importancia nos grupos asíncronos, dado que os marcos temporais son máis dilatados, mais tórnase unha cuestión importante nos síncronos, xa que se unha intervención demora de máis en chegar vólvese irrelevante dado que, con toda probabilidade, a conversa xa se teña desprazado cara a outros lugares (Language 161). Neste sentido, podemos consideralo como un dos posíbeis factores que inflúen na extensión das intervencións. Isto é, a presenza de enunciados breves contribúe para favorecer unha interacción máis dinámica e, consecuentemente, máis parecida ás conversas en tempo real. Para moitos autores, as propiedades do chat provocaron que a conversa, considerada como o prototipo da modalidade oral, se adaptase ás restricións da escrita e á ausencia de elementos paralingüísticos, como a entoación ou os xestos, e de información extralingüística ou, no sentido contrario, permitiu que o escrito se moldease para responder ás necesidades da conversa: rexistro coloquial e familiar, rapidez na construción textual, sintaxe pouco elaborada etc. (Vela Delfa 169).

 

3. As SMS

A industria da telefonía móbil desenvolveu na década de 90 o servizo de mensaxes curtas, máis coñecido como SMS (Short Message Service), tamén denominado no ámbito anglófono como texting4. A idea dun servizo de mensaxaría comezou a se barallar como parte do desenvolvemento da tecnoloxía de redes GSM, que apareceu en meados dos anos oitenta, mais non será até a década seguinte en que se comecen a visualizar as súas posibilidades comerciais. Aínda que a utilización desta nova ferramenta tivo, no comezo, unha progresión lenta, o aumento do seu emprego vai en paralelo ao incremento na posesión dos telemóbeis por parte das persoas e, embora os índices de uso varían moito duns países a outros, podemos falar dun extraordinario crecemento, até o punto de que arredor do 2007 nalgúns países como Xapón, Reino Unido, Suecia ou Italia o número de suscricións era igual ou superior ao total da populación (Crystal Txtng 5). A respecto das propiedades técnicas deste servizo de mensaxes, tórnase preciso sinalarmos que, como o seu propio nome indica, os datos que poden ser enviados ou recibidos son bastante limitados, debido ao sistema de codificación de caracteres empregado. Unha SMS contén 140 bytes (1.120 bits) de datos, o que, segundo Guthery / Cronin, equivale a 160 caracteres, cando se utiliza o alfabeto latino e 70 de se utilizaren outros como o arábigo ou o chinés (4). Nesta liña, Crystal sinala que a codificación máis usual para os caracteres do alfabeto latino é a de 7 bits, en canto que se quixermos representar outros símbolos máis complexos é preciso utilizarmos un sistema Unicode de 16 bits, que é o que provoca que o tamaño da mensaxe se vexa  reducido de 160 a 70 caracteres, ao utilizar dous bytes por caracter (Texting 6).

Unha das vantaxes deste servizo é a compatibilidade 100% cos telemóbeis GSM, o que nin sempre acontece con outro tipo de tecnoloxías como o WAP ou Java móbeis, sobre todo nos terminais máis antigos. As SMS, aínda que non poden suplir as vantaxes dunha comunicación oral, son de moita utilidade e prefírense ás chamadas en certas ocasións, nomeadamente cando o que se debe comunicar non necesita ser consensuado por emisor e receptor: destacamos, a modo de exemplo, diversas accións como confirmar os datos dunha cita, enviar un número de telefone ou calquera información breve que desexarmos que a outra persoa manexar. As mensaxes son igualmente úteis para nos comunicarmos en momentos en que non podemos manter unha conversa oral, como nunha conferencia, nunha biblioteca, en horas de traballo etc., dado que estas poden ser enviadas e lidas en calquera momento, para alén de as podermos dirixir a telefones fóra de liña, á diferenza dunha chamada telefónica. Noutras palabras, do que se trata é de evitarmos interromper o que puider estar a facer o noso interlocutor. Baseándonos no exposto en Crystal, un inquérito realizado por unha empresa británica en setembro de 2000 demostrou que o 81% das persoas usuarias de telemóbeis de entre 15 e 24 anos os utilizaban para enviar mensaxes de texto, fundamentalmente, para organizaren a súa vida social (Language 262). A mocidade5converteuse na grande usuaria das novas tecnoloxías, xa que, como se indica en Castro, as crianzas hoxe en día crecen rodeadas de aparellos tecnolóxicos como o computador e o telemóbel (37).

Para alén do estatus social que outorga, a posesión do telemóbel é un instrumento fundamental que facilita a interacción entre os pares, ademais de garantir unha sensación de control, dado que se trata dun medio de comunicación propio. Por tanto, as SMS tornáronse nos últimos tempos nun sistema comunicativo moi común, sobre todo entre as faixas etarias máis novas debido, especialmente, ao seu baixo custo, mais tamén polas vantaxes que ofrecen a respecto doutros medios de comunicación. Neste sentido, as mensaxes de texto chegan moito máis rápido do que as cartas, da mesma forma que a resposta, o envío e a recepción de mensaxes non interrompe a actividade que estea a realizar o interlocutor, ao contrario do que as chamadas e, igualmente, o feito de ser un medio de comunicación a distancia facilita a desinhibición das persoas usuarias. O fenómeno SMS tivo, do mesmo modo que o chat, repercusións na esfera lingüística, canto que as características específicas deste medio, como o tamaño do teclado, a dimensión reducida da pantalla6 e a necesidade de se adaptar a un número limitado de caracteres provocaron o desenvolvemento dunha nova modalidade discursiva. Esta, por súa vez, xerou un novo sistema de representación escrita, cuxas características principais son o uso de abreviaturas, a elisión de vogais, a simplificación da correspondencia fonema/letra, o emprego de emotícones e a redución da sintaxe, entre outras que detallaremos nas seguintes epígrafes.

 

4. Fenómenos lingüísticos presentes no discurso electrónico. Consideracións sobre a escrita dos chats e das SMS

Seguindo Kwang-kyu, o potencial impacto dos novos sistemas de comunicación en varios aspectos do uso da linguaxe é enorme. O modo en que a lingua escrita é producida nos medios de comunicación mediados polo computador está a mudar non só a natureza da escrita como proceso, mais tamén a natureza da linguaxe como obxecto (3). O feito de a comunicación se realizar por medio da canle escrita produce demoras no desenvolvemento do discurso, tanto nos medios sincrónicos como nas modalidades diferidas, o que xerou nas persoas usuarias a necesidade de axilizar os seus intercambios. Esta é a finalidade de moitos dos procedementos de redución vocabular empregados nos medios electrónicos, que pretenden crear unha linguaxe áxil e que parten da existencia dun marco interpretativo partillado que permite a reconstrución do contido que se omite. A carencia deste espazo común impediría o estabelecemento das inferencias precisas e, en consecuencia, calquera intento para descifrar a mensaxe resultaría un fracaso. Neste sentido, en ocasións o emprego de mecanismos de redución pode provocar un aumento do custo cognitivo por parte do receptor, na medida en que este debe levar a cabo complexos labores de substitución7. Con todo, as características que presenta este código non son todo o revolucionarias que parecen, pois contan con moitos antecedentes na historia da escrita. Isto é, o código morse, a taquigrafía, os sistemas de encriptación, as inscricións romanas, as abreviaturas nos manuscritos, os apuntamentos do ensino etc., constitúen mostras de toda unha tradición anterior que realizaba este tipo de prácticas lingüísticas para aforrar espazo e tempo.

Consecuentemente, non se trata de actitudes novidosas, mais podemos afirmar que o que as torna significativas e o que as distingue das anteriores é o soporte en que se producen (pantalla vs. papel) e a rapidez con que se están a propagar. Á diferenza da imprensa, que contribúe para ampliar o público lector, reducir o tempo de produción e os custos de fabricación, este novo medio electrónico provoca, alén diso, mudanzas na forma de nos relacionarmos coa escrita. Estamos, pois, perante unha reinvención da escrita e, en última instancia do libro. A seguinte anedota dá conta desta nova linguaxe:

Me maravilla ver cómo mi hija mayor envía y recibe mensajes de texto con el móvil y, todavía más, cómo pasa ratos concectada al messenger, con unas cuantas ventanas abiertas, con diversas conversaciones simultáneas, en las cuales utiliza un código lingüístico nuevo, aparentemente no convencional. Parece que el objetivo de esta escritura digamos taquigráfica sea ganar tiempo, buscando más que la inmediatez, la simultaneidad. Hay, en esta práctica, una necesidad de economía que se convierte en moda y rasgo distintivo de grupo. Una necesidad de economía que no es nueva, tampoco. Un domingo que paseaba por la Vall d’en Bas, en la comarca de la Garrotxa (Girona), me sorprendió una piedra, estaba escrito el nombre del constructor y la fecha […]. Obsérvese cómo se escribían los mensajes en aquellas piedras de dintel […]. Cosían letras y palabras, elidían vocales o todo aquello que el lector incorporaría sin esfuerzo, inconscientemente, al leer el mensaje. Como en la escritura taquigráfica que nos sorprende hoy en chats y sms, vemos que se tiende a adecuar los códigos conocidos a las necesidades propias, sin sujeción a antiguas convenciones, pero a la vez generando nuevos protocolos de escritura. Quizás, al fin, reconoceremos en este proceso, que ahora es colectivo y tan veloz, el nacimiento de un nuevo lenguaje apropiado para determinadas prácticas comunicativas, quizás nuevas, o tal vez específicas, y por qué no, culturales (Borràs Castanyer 131).

Podemos sintetizar, de acordo con Vela Delfa os obxectivos deste novo sistema de representación da linguaxe escrita en tres teses principais: i) a necesidade de rapidez na produción textual, ii) a procura de individualización e iii) a explotación da cara máis lúdica e creativa da linguaxe (676). Estas tres finalidades converxen na creación da nova modalidade lingüística específica dos xéneros electrónicos, se ben que a necesidade de dotar de rapidez o discurso constitúe o condicionante fundamental do vertixinoso crecemento dos fenómenos de redución. Non obstante, en medios diferidos como as SMS, é a limitación a 160 caracteres a que motiva a multiplicación de recursos desta índole, pois a finalidade neste caso non é tanto reducir o tempo de produción como a de comunicarmos o máximo posíbel co menor número de unidades lingüísticas. Isto é, os factores que condicionan esta nova forma de linguaxe escrita teñen que ver coa tecnoloxía en cuestión, quere dicir, teclado abreviado, número restrinxido de caracteres por SMS e pantalla de tamaño reducido. No entanto, o carácter telegráfico destas producións non provoca unha falta de emotividade nin a ausencia de mecanismos para salvagardarmos a imaxe dos interlocutores, é dicir, as restricións de lonxitude non supoñen tanto un problema como un reto para que os usuarios destas tecnoloxías demostren a súa creatividade lingüística. Igualmente, esta orixinalidade nos procedementos de redución vocabular non implica que se trate dun proceso carente de normas reguladoras, pois, en xeral, existe certo grao de estandarización.

Os condicionantes que orixinan os fenómenos de economía e de expresividade presentes nos textos electrónicos manifestan unha grande heteroxeneidade, mais, fundamentalmente, poden agruparse baixo as seguintes categorías8:

  1. Recursos motivados por causa das restricións técnicas do soporte en que se producen: limitación no número de caracteres susceptíbeis de se enviaren ou de apareceren na pantalla, combinación de elementos textuais lingüísticos con outros semióticos e rapidez para atenuar os efectos da falta de presencialidade.
  2. Trazos estilísticos derivados das circunstancias en que se estabelece a comunicación: situación de enunciación próxima á simultaneidade que favorece creacións lingüísticas espontáneas e pouco elaboradas e prevalencia do carácter dialóxico das interaccións sobre a corrección normativa.
  3. Figuras de expresión xustificadas pola expresividade deste tipo de discurso: desexo de mostrar creatividade e de personalizar o discurso, marcación do texto do punto de vista emotivo para contrarrestar a ausencia de elementos paralingüísticos e tendencia a tirar partido dos aspectos lúdicos da linguaxe.
  4. Características xustificadas polas propias implicacións das comunicacións nestes contextos de interacción: textos que non están feitos para perdurar no tempo, aceptación do rexistro informal e coloquial e carácter privado deste tipo de correspondencia.

A converxencia de todas as propiedades mencionadas ten como consecuencia un estilo pouco ríxido onde a ortografía normativa se relaxa en función, en primeiro termo, da utilidade e, en última instancia, da expresividade. Neste sentido, é importante destacarmos que se ben que nun primeiro momento certos trazos estiveron motivados polos condicionamentos técnicos, na actualidade estes preséntanse como recursos que permiten identificarmos este novo estilo e que favorecen a adaptación da modalidade escrita a novos contextos e un retorno á oralidade. Este novo sistema de representación da linguaxe ten implicacións nas diversas esferas da descrición lingüística. A característica principal é o uso de abreviaturas, na maioría dos casos fonolóxicas, mediante a conxunción de letras, símbolos e números para escribir palabras ou secuencias fónicas, mais tamén son relevantes outros trazos, como a elisión de vogais, a simplificación da correspondencia fonema/letra, o uso de números e signos matemáticos con valor fonolóxico, o emprego de emotícones, a simplificación da sintaxe, a introdución de estranxeirismos, nomeadamente de anglicismos etc. Tamén no referente á ortografía, desaparecen algúns signos de puntuación, en canto se produce un uso excesivo doutros, como os signos de exclamación e interrogación, que serven para enfatizaren o ton da mensaxe. Igualmente, omítense os acentos, o trema, elimínase a oposición entre maiúsculas e minúsculas e aquelas adquiren novos usos (indicar que se está a elevar a voz ou marcar algo importante). Do mesmo modo, aínda que non é tan frecuente, tamén se poden eliminar os espazos entre as palabras. Estamos, en definitivo, perante unha nova tendencia que se aproxima do oral, do espontáneo e do lúdico e isto é o que xustifica que, a pesar de que a economía sexa o factor que motiva moitos fenómenos de redución, achemos casos en que a expresividade é a causante do aparecemento de numerosas redundancias. Quere dicir:

Les caractéristiques formelles de cet écrit sont l’oralité (les effets d’oralité en fait), l’abréviation et l’iconicité (notamment a travers les émoticônes), ces caractéristiques peuvent entrer en contradiction. Ainsi les étirements graphiques (voir plus loin), phénomène d’iconicité, offrent un contraste évident avec les abréviations (Anis 4).

As especificidades da escrita asociada aos medios electrónicos poden clasificarse atendendo á área lingüística a que se adscriben os ditos fenómenos, isto é, ortografía, fonética e fonoloxía, morfosintaxe, pragmática, lexicoloxía, gramática do texto e mesmo estilística. Con todo, tamén poden ser agrupados en función da súa finalidade, xa que en moitos casos determinados recursos afectan varias áreas da lingüística. Por esta razón, decidimos dividilos nos seguintes bolques:

  1. Mecanismos de simplificación
    • Elisións vocálicas
      • por contacto vocálico: similares aos fenómenos de fonética sintáctica que se producen nunha conversa coloquial na modalidade oral: [1] dixo dir equivalería a dixo de ir.
      • por dedución contextual: o principio básico da teoría da información sostén que as consoantes teñen un valor informativo maior que o das vogais; e, se ben que non estamos acostumados a unha escrita consonántica, esta conforma un sistema perfectamente estábel en moitas linguas, cal o árabe ou o hebreo. Neste sentido, a escrita electrónica demostra que se pode entender perfectamente un texto en que se omitiron algunhas vogais, en canto non acontecería o mesmo se invertésemos o proceso. Na maioría dos casos as vogais elididas poden ser recuperadas polo contexto da mensaxe ou ben polas consonantes que forman a palabra. Unha das vogais que máis se tende a elidir é o e, favorecida porque a súa pronuncia xa vén dada pola maioría das consoantes, para alén das vogais neutras e das átonas; as vogais tónicas tenden a aparecer, mais isto nin sempre constitúe unha norma:
        [1] Bs dias princsa! Km tas? Parc q o dia pinta soleado, asiq (s m ska a roupa) pdms ir ao kncrto (Bos días princesa. Como estás? Parece que o día pinta soleado, así que, se me seca a roupa, podemos ir ao concerto).  // [2] Q dsknses! (Que descanses).
        Nesta liña e de acordo co exposto en Torres i Vilatarsana, calquera consoante pode ter dous valores: o seu propio ou o bifonemático (Aproximació 2), ou sexa, o inherente á súa pronuncia ou aqueloutro derivado da súa combinación con calquera dos dous sons asociados á grafía “e”, isto é, aberta ou pechada, como pode deducirse dos exemplos xa expostos.
    • Redución de consonantes
      • Elimínanse as grafías mudas, como o “h”, porque non teñen un correlato na oralidade: [3] Oxe nn puidms falar (Hoxe non puidemos falar) // [4] D meyor umor q a smana pasad? (De mellor humor que a semana pasada?). En linguas como o francés tamén existe unha forte tendencia para eliminar no final de palabras aquelas que non se pronuncian: pa (pas) ou cour (cours).
      • Simplificación da correspondencia fonema/letra. Por tanto, utilízanse “v” ou “b” indistintamente, do mesmo modo que as grafías “c” “qu” ou “k” para representaren o fonema  /k/: [5] Xa falei kn cris e sta tdo klaro. Pois si, vai avr k qdar (Xa falei con Cris e está todo claro. Pois si, vai haber que quedar).
      • Redución de grupos consonánticos: qu > k ou qu > q:  k  qdar (que quedar)Por extensión, a grafía “k” tamén pode substituír á “c”: [5] Stou n ksa koa mmoria (Estou na casa coa memoria). O emprego do “k”, en tanto que grafía pouco convencional no galego e nas linguas romances pode deberse á procura de creatividade, neste caso visual. Outro grupo consonántico que se reduce é “gu” que se substitúe na escrita polo “w”, por influencia do inglés: [6] Sigo sn nticias d cris xo awantndo! (Sigo sen noticias de Cris pero aguantando).
      • Simplificación dos dígrafos “ll” e “ch” por “y” e “x” respectivamente, debido ás súas similitudes acústicas: [6] Stas meyor? (Estás mellor?) // [7] agora nn sei s nn sra moi tard pa xamart  (Agora non sei se non será moi tarde para chamarte).
      • Reducións grafo-fonéticas: este tipo de mecanismo de simplificación é moi frecuente en linguas como o inglés ou o francés en que a escrita non se corresponde coa pronuncia e consiste no uso da grafía para representar palabras ou secuencias fónicas tal é como son pronunciadas na oralidade: (fr.) bo (beau) ou (ing.) rite (right), e o mesmo acontece en c (see) ou u (you), entre os casos máis frecuentes.
    • Abreviaturas
      • Na procura da brevidade as abreviaturas convertéronse no principal recurso de redución vocabular, xa empregado noutros contextos anteriores ao soporte electrónico: q (que), tm (tamén) pq ou xq (porque, por que ou porqué) x (por), xo (pero), entre outros.
      • Siglas: do mesmo modo que se tornan habituais para designaren entidades ou organizacións de determinados dominios (AS-PG, AELG, ILLA etc.), este mecanismo é utilizado con certa asiduidade para substituír certos grupos frásicos e mesmo enunciados completos: [2,8, 11,12, 21] QTM / QTM8(quérote moito), XPS (Xuntos para sempre) ou o anglicismo LOL (laughing out loud = Rindo moito) que conta cunha grande presenza nas interaccións noutras linguas.
      • Uso de números con valor fonolóxico. Isto é, utilízanse para representar certas secuencias fónicas ou mesmo palabras: m8 (moi / moito), 100PRE (sempre), 7tembro(setembro), 2 (dúas [art.]), alg1 (algún /alguna), t2 (todos) etc.
      • Emprego de signos matemáticos en base ao seu valor: O signo + equivale ao adverbio de cantidade e á conxunción adversativa, para alén do seu uso para representar secuencias fónicas: d+ (demais) ou n tv + rmd (non tiven máis remedio). O mesmo acontece cos signos  , =, e x, que equivalen ao adverbio de cantidade menos, ao de modo igual e ás preposicións entre e por, respectivamente. Con todo, o símbolo da multiplicación tamén pode ser utilizado para substituír secuencias gráficas con “per”, como demostra a forma xo (pero):  Eu + ou -! (Eu máis ou menos), [13] qr sr tstmuña,= q no procso (quere ser testemuña, igual que no proceso) ou [13] Eu tb stou m8 knsa,xo polo  xa akbei os exams! (Eu tamén estou moi cansa, pero polo menos xa acabei os exames).
    • Omisión de espazos: non costuma ser o recurso máis frecuente e emprégase sobre todo para apurar ao máximo o espazo limitado das SMS. Nos chats non adoita producirse, mais cando acontece tende a ser usual distinguir as diferentes palabras utilizando maiúscula no inicio de palabra, mais nin sempre ocorre, como no seguinte exemplo: [1] Vou facr algo..xadiras (Vou facer algo..xa dirás).
    • Simplificación da sintaxe: esta costuma ser a alternativa máis utilizada en lugar da omisión dos espazos. Na liña contraria ao que marcan as regras textuais de cohesión, conexión e coherencia, a escrita electrónica elimina todos aqueles elementos que poden sobreentenderse polo contexto: conxuncións e nexos, preposicións e mesmo verbos etc.: [10] Eu n gym (dedúcese o verbo estar) ou [24] stou kasa. Klqra kousa mbl (Estou na casa, para calquera cousa chámame ao móbil).
  2. Mecanismos de marcaxe paraverbal
    Empréganse sobre todo para supliren a falta de información paralingüística, como a entoación, os xestos, a postura corporal, etc., propios da conversa oral e ausentes da electrónica como consecuencia da falta de presenza dos participantes na interacción.  Entre os máis comúns destacan os seguintes:

    • Emotícones: na escrita electrónica tornouse moi habitual utilizar determinados ícones para manifestar as emocións ou os sentimentos dos participantes na conversa. Estes tamén reciben inapropiadamente o nome de smileys. Aquí, á diferenza doutros recursos baseados na pronuncia, o significado radica na forma dos símbolos, que deben ser visualizados xirando a cabeza cara á esquerda, embora nalgúns sistemas asiáticos poidan ser lidos de modo frontal, cal (*o*) para denotar asombro, por exemplo.
      Estes pictogramas formados a través da combinación de letras, sinais de puntuación e símbolos pretenden emular xestos faciais e contribúen para a construción do texto na medida en que reforzan ou atenúan os actos de fala e porque, nalgúns casos, se tornan imprescindíbeis para a interpretación ou a desambiguación dos enunciados, funcións que nas conversas presenciais desempeñan a entoación e a linguaxe non verbal (Torres i Vilatarsana Funciones 1): [11] Kmpreivs 1cpiyo d dnts pa q tñads na miña ksa. XDD(complicidade), [12] Qtm8! Xps XDD (felicidade) ou [14] morreu Brooklyn! 🙁 kaka (tristura, mágoa) etc.
    • Maiúsculas e minúsculas: como xa sinalamos, elimínase a oposición entre maiúsculas e minúsculas a favor destas, en canto o uso das primeiras resérvase para indicar que se está a elevar a voz, para marcar algo importante ou como consecuencia dun estado de ánimo específico, entre os que predominan a euforia e o enfado: [17] Q IMS A AMSTERDAM!ou [16] Meternm outra multa en FENE!
      A maioría das regras de comportamento que circulan pola Internet recomendan non utilizar as maiúsculas porque pode resultar ofensivo. Con todo, nos medios de interacción que simulan a conversa presencial estas grafías adquiren novos usos expresivos para dotaren de emotividade o intercambio.
    • Puntuación: a respecto dos signos de puntuación ocorren dous fenómenos que podemos considerar opostos: por un lado, en canto desaparecen algúns sinais de puntuación como as vírgulas e os puntos, increméntase o uso doutros, nomeadamente o dos signos de exclamación e os de interrogación, nalgúns casos como substitutivos dos anteriores e noutros nun intento de enfatizaren o ton da mensaxe. Por tanto, neste caso prima a expresividade en lugar da economía de caracteres, obxectivo dos mecanismos de redución vocabular:
      [16] Meternm outra multa en FENE! Tivo q ser kndo fun vr a meu pai ao ospital, xq senn nn o entnd! (Metéronme outra multa en Fene. Tivo que ser cando fun ver a meu pai ao hospital, porque senón non o entendo -substitutivo) e [18] xa tño cortinas!!!! (Xa teño cortinas! -enfático).
    • Estiramentos gráficos: trátase dun outro fenómeno que prima o carácter emotivo e lúdico e que contribúe igualmente para dotar de expresividade o texto: [19] Rock in theatre!!!aaaaaauuuuu! Jeje! (Rock no teatro! Yeah!) // [20] See u 2morrow darling! Muakakakaka! (Vémonos mañá cariño. Bicos) // [11] Qtm8m8m8m8! Boas noits! (Quérote moitísimo! Boas noites).
    • Onomatopeias: na liña dos mecanismos até agora analizados que pretenden simular as características dunha conversa presencial, as producións lingüísticas van acompañadas en ocasións de sons paralingüísticos máis ou menos notábeis, entre os que destacan os relativos ao riso, aínda que non só: [8] Non t poñas d malas…q tas +feo! Jejeje! (Non te poñas de malas que estás máis feo [riso]) // [14] Tou chof (Estou deprimida) // [15] Apuf..q rayadura (Que aborrecimento) // [6] Muaka (un bico)etc.
  3. Outros recursos
    • Omisión de acentos gráficos: se ben que no teclado do computador é máis doado accedermos aos sinais de acentuación a prioridade é a rapidez e o habitual é que se supriman. Para o caso das SMS, a súa ausencia está xustificada pola demora que provoca, pois precísase pulsar a tecla en numerosas ocasións, para alén de que nalgúns dispositivos os acentos provocan unha mudanza no sistema de codificación de caracteres, que se reducen de 160 a 70, co consecuente aumento no custo. Debido á incorporación da Internet aos terminais de telefonía móbil esta tendencia está a se incrementar, de aí que no corpus analizado non achemos sinais de acentuación: [1] xadiras! // [6] Stas meyor? // [6] Vai abr kfe? Koidat petarda.• Omisión de acentos gráficos: se ben que no teclado do computador é máis doado accedermos aos sinais de acentuación a prioridade é a rapidez e o habitual é que se supriman. Para o caso das SMS, a súa ausencia está xustificada pola demora que provoca, pois precísase pulsar a tecla en numerosas ocasións, para alén de que nalgúns dispositivos os acentos provocan unha mudanza no sistema de codificación de caracteres, que se reducen de 160 a 70, co consecuente aumento no custo. Debido á incorporación da Internet aos terminais de telefonía móbil esta tendencia está a se incrementar, de aí que no corpus analizado non achemos sinais de acentuación: [1] xadiras! // [6] Stas meyor? // [6] Vai abr kfe? Koidat petarda.
    • Introdución de estranxeirismos: neste punto debemos destacar un claro predominio de empréstimos do inglés, que se xustifican por ser esta a actual lingua de comunicación internacional e o idioma en que se desenvolveron as novas tecnoloxías, especialmente a Internet, o que provocou que as primeiras manifestacións da escrita electrónica se producisen tamén nesta lingua. Por esta razón, non só é común o emprego de termos isolados senón que achamos, igualmente, enunciados completos:
      [4] Ola bicho! Km stas? D meyor umor q a smana pasad? E esa tos? Eu aki, missing you! Bks chorvi! (Ola bicho! Como estás? De mellor humor que na semana pasada? E esa tose? Eu aquí, botándote de menos. Bicos moza) // [22] Smile baby (Sorrí rapariga) // [20] See u 2morrow darling (vémonos mañá moza), entre outros.
      Neste punto, cómpre destacarmos a seguinte SMS, pois é unha clara mostra, por un lado, da influencia do inglés neste medio e, por outro lado, é máis unha proba de que as persoas usuarias destas tecnoloxías son conscientes dos xogos lingüísticos que realizan, como pode deducirse do emprego da escrita grafo-fonética tamén para o inglés, o que consideramos pretende crear un efecto expresivo e lúdico: [23] jelou! Jau ar yu duing? Wi nid tu tolk! Tumorrou ai kal yu, if ai kan (Hello! How are you doing? We need to talk. Tomorrow I’ll call you, if I can > trad. Ola. Que fas? Precisamos falar. Chámote mañá se podo).
    • Implicacións léxicas: igual que acontece nas conversas orais, o contexto da escrita electrónica favorece un predominio do rexistro informal e da xiria xuvenil, patente sobre todo nas fórmulas de saúdo e de despedida ([3] Ola tronk! // [4] Ola bicho! // [4] Bks chorvi! //[6] Koidat petarda // [14] Ola pk!) e, igualmente, promove certa sorte de innovacións gráficas exclusivas da conversa mediada por computador (sip [si], nop [non]).

Conclusións

O suceso destas novas modalidades comunicativas mediadas por dispositivos electrónicos é un feito innegábel, especialmente porque se están a converter nos sistemas de interacción por excelencia, deixando obsoletos outros como o correo postal. Son as propias características do medio dixital as que contribúen para facer da Comunicación Mediada por Computador (CMC) un fenómeno revolucionario. A primeira delas reside na instantaneidade do efecto comunicativo, pois como sinala Teixeira, nunha sociedade de mudanzas frecuentes e vertixinosas a instantaneidade é un valor altamente atractivo (108). O feito de o proceso de comunicación radicar no máximo de eficacia co mínimo esforzo favorece a súa utilización: non dá traballo, non se precisan materiais físicos para alén do dispositivo electrónico e, por tanto, convértese nun medio de socialización case inmediato. Por tanto, os sistemas de CMC facilitan as interaccións sociais e aumentan a súa frecuencia sen as tradicionais limitacións espacio-temporais.

O soporte electrónico en que se producen estes intercambios comunicativos presenta unha base fundamentalmente escrita, se ben que as características do contorno e o feito de ser o discurso oral a forma clásica de interpelación social favorecen unha converxencia das dúas modalidades (escrita / oralidade) e o desenvolvemento de determinados códigos que desafían os cánones normativos clásicos da escrita e que xeran novos mecanismos para supliren a ausencia de linguaxe paraverbal nas conversas mediadas. A finalidade destes medios de interacción electrónica é comunicaren e, por tanto, primarán na escrita aqueles recursos que potenciaren a expresividade e a creatividade e que promoveren a creación dun contexto similar ao da comunicación presencial, embora constitúa un sistema de interacción diferente polos trazos particulares que manifesta.

En consecuencia, podemos afirmar que, desde unha perspectiva lingüística, estes códigos teñen implicacións na medida en que se están a desenvolver novas tipoloxías textuais que, por súa vez, implican novos sistemas de representación da escrita. Así as cousas, consideramos que o estudo da linguaxe na Rede supón máis un reto e, xa que logo, ten de se converter nunha área máis de reflexión lingüística; o propósito desta disciplina consiste en determinar as características da linguaxe humana e en estabelecer os principios xerais para o seu estudo e, neste sentido, a Internet ofrece un novo espazo para a investigación, En definitivo, este é o labor que lle corresponde a todos os lingüistas, encarregados de buscaren, describiren e estudaren as manifestacións da linguaxe alí onde estas se acharen. Unha análise deste tipo contribuirá, en última instancia, para comprendermos mellor o funcionamento da linguaxe humana e para afortalarmos ou reformularmos os seus esteos fundamentais.

 

Notas

i*Este artigo enmárcase dentro do Programa de Formación de Profesorado Universitario (Orde EDU/3445/2011, de 30 de novembro).

1No contexto europeo o crecemento revolucionario das SMS e o seu éxito débese, fundamentalmente, a que se trata dun medio máis económico que as chamadas convencionais, se ben que o factor monetario non é o mesmo para todos os países, de forma que debe ser examinado con cautela. Nesta liña, Baron sinala que “in Europe, text messaging has generally been less expensive than voice calls, accounting in large part for the European explosion of texting among the Young. In the United States, text messaging is an added expense (on top of voice contracts), paid either by the message or through a monthly messaging plain” (140) e, como consecuencia, non conta cun índice de éxito tan alto.

2Cada rede do chat vai prefixada polo seguinte símbolo #.

3Algúns autores, como Crystal e Yus aclaran que, aínda que son interraccións en tempo real, os participantes escriben e mandan as súas intervencións unha vez que leron as mensaxes escritas polas demais persoas usuarias. Yus denomina este medio “asincrónico en tempo real” (80), en canto Crystal afirma que este tipo de conversas sincrónicas teñen unha natureza asíncrona (Language 173).

4“Short messaging, short mail, SMSing, person-to-person messaging, mobile messaging, wireless messaging, text messaging, texting, txtng…whatever we call it , it is evidently here to stay” (Crystal Txtng6).

5Sempere fai referencia á Xeración Next ou Xeración da Internet isto é, persoas de entre 18 e 25 anos, nacidas durante a década de 80, coincidindo coa irrupción das novas tecnoloxías. Este grupo utiliza a Rede e as tecnoloxías para se comunicar de moi diferente forma. Segundo este autor, “los mensajes de texto, SMS y correo electrónico, les mantienen en una comunicación constante y frecuente con sus amigos; incluso la mitad de ellos admiten haberlo hecho en las últimas veinticuatro horas” (153).

6Cassany apunta que, de modo xeral, no contexto dixital, o tamaño relativamente reducido da pantalla (que constitúe a unidade visual dixital, do mesmo modo que a páxina no medio analóxico) e o interese de fomentar a interactividade, inducen os autores a preferiren os fragmentos breves de textos fronte aos extensos (3).

7Por tanto, redúcese o tempo de produción do texto electrónico, mais aumenta o tempo de interpretación na medida en que o incremento de lacunas estruturais e informativas debe ser suplido por exercicios de inferencia (Vela Delfa 676). No entanto, de o dito proceso resultar pouco beneficioso este sistema de escrita non tería alcanzado a grande proxección que na actualidade mantén.

8Seguimos neste punto a clasificación realizada por Vela Delfa no seu estudo sobre o correo electrónico (680-682).

 

Bibliografía

Anis, J. “Communication électronique scripturale et formes langagières”. Portal de Investigacións humanísticas da Universidade de Poitiers, 2006.  Dispoñíbel enhttp://rhrt.edel.univ-poitiers.fr/document.php?id=547. Consultado en 19/01/2012.

Baron, N. S. Always on. Language in an Online and Mobile World. Oxford: Oxford University Press, 2008.

Borràs Castanyer, L. (ed.). Textualidades electrónicas. Nuevos escenarios para la literatura. Barcelona: UOC, 2005.

Cassany, D. “De lo analógico a lo digital. El futuro de la enseñanza de la composición”.Revista Latinoamericana de Lectura, 21 (2000). Dispoñíbel enhttp://www.unne.edu.ar/institucional/documentos/lecturayescritura08/cassany.pdf . Consultado en 19/09/2011.

Castro, T. S. Pereira de. Quando as Teclas Falam, as Palavras Calam. Estudo sobre a Utilização do Telemóvel e do Messenger por Crianças do 5º e 6º Ano do Distrito de Braga. Universidade do Minho: Instituto de Estudos da Criança, 2008.

Crystal, D. Language and the Internet. Cambridge, UK; New York: Cambridge University Press, 2006.

Crystal, D. Txtng: The Gr8 Db8. Oxford: Oxford University Press, 2008.

Guthery, S. / Cronin, M. Mobile Application Development with SMS and the SIM Toolkit. McGraw-Hill, 2002.

Kwang-Kyu, K. “Structural characteristics of compute-mediated language: a comparative analysis of Interchange Discourse”. The Electronic Journal of Communication, vol. 6,  3, 1996. Dispoñíbel en http://www.cios.org/EJCPUBLIC/006/3/006315.HTML. Consultado en 16/01/2012.

Sempere, P. McLuhan en la era de Google. Memorias y profecías de la Aldea Global. Madrid: Popular, 2007.

Teixeira, J. “Língua Portuguesa e as Novas Tecnologias de Comunicação: as dinâmicas da(s) escrita(s)”. Diacrítica Série Ciências da Linguagem, nº 22/1.  107-127. Braga: Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho, 2008. ISSN 0807-8967.

Torres i Vilatarsana, M. “Funciones pragmáticas de los emoticonos en la comunicación mediatizada por ordenador”. Textos de la Cibersociedad, 1 (2001). Dispoñíbel enhttp://cibersociedad.rediris.es/torres/pragma.htm. Consultado en 16/01/2012.

Torres i Vilatarsana, M. “Aproximació a l’escriptura ideofonemàtica o netspeak català”. II Congreso ONLINE del Observatorio para la CiberSociedad (2004). Dispoñíbel enhttp://www.cibersociedad.net/congres2004/grups/fitxacom_publica2.php?grup=86&=es&id=671. Consultado en 17/01/2012.

Vela Delfa, C. El Correo Electrónico: El nacimiento de un nuevo género. Madrid: Universidad Complutense de Madrid, 2005. Dispoñíbel enhttp://www.galanet.eu/publication/fichiers/tesis_cristina_vela_delfa.pdf. Consultado en 05/05/2011.

Yus, F. Ciberpragmática. Barcelona: Ariel, 2001.

 

Anexos

  1. Bs dias princsa! Km tas? Parc q o dia pinta soleado, asiq (s m ska a roupa) pdms ir ao kncrto. Alx dixo dir ao roxa, pdms ir dspois nn? Vou facr algo..xadiras!
  2. Q dsknses! Qtm8!
  3. Ola tronk! Q tl? Oxe nn puidms falar! Vaia dia tivn!
  4. Ola bicho! Km stas? D meyor umor q a smana pasad? E esa tos? Eu aki, missing you! Bks chorvi!
  5. Ola ptarda! Stou n ksa koa mmoria! A vr s avanzo algo. O find normaliyo. Xa falei kn cris e sta tdo klaro. Pois si, vai avr k qdar! Bkos mona! Pasao bn!
  6. Ola chorvi! Q tal? Stas meyor? Eu tño pra rato no mdiko! Sigo sn nticias d cris xo awantndo! Jeje! Vai abr kfe? Koidat petarda! Muaka!
  7. Prdoa colguei pq staba en klse e logo squecinm e agora nn sei s nn sra moi tard pa xamart
  8. E eu a ti petardo! I miss you very much! Penso soñar kntigo! Jejeje! Qtm8. Xps. Non t poñas d malas…q tas +feo! Jejeje!
  9. lscou a td vlcdd prsguida xls adxctivs q prtndían intrdcrse n seu mnscrto, rbrndcéndoo c súas vscss bbs; 1 sdrxlo cspiu n 1º px e n tv + rmd q smgalo c1 mrtlo.
  10. Ola! Ktl vai todo? Q tal cris? Falch cn ela? Eu n gym. Hox foi outr dia d non parar! Colexio,cmida tutor.ivan.rosals.gym. Non sei s baixarei, avisote! N galgo!
  11. Boas noits fea! Q tal o día? Eu + ou -! Kmpreivs 1cpiyo d dnts pa q tñads na miña ksa. XDD nkntrom 1pouk mal! Spro q sts bn! Qtm8m8m8m8 pk! Q dskanss
  12. Qtm8! Xps XDD
  13. Ola chorvi, pois eu + ou – e meu pai ai anda, km ch kntei nos mails..sn novidad! Eu tb stou m8 knsa, xo polo – xa akbei os exams! Q tal o teu dia? Dixom ana q maña tms q clbrar publikmnt o nso kmpromiso pra q koa distancia nn ns sparmos! Xa ye dixn q xa o falarams xo qr sr tstmuña, = q no procso! Jeje!
  14. Ola pk! Tou chof! Ti q tal? jopis, morreu Brooklyn! 🙁 Kaka
  15. Jopis..meu pai dsmaious stando n baño e fixos dano! Xa nn stou nda trankila, xq ont tmpk tiña m8 boa kra! Apuf..q rayadura..
  16. Meternm outra multa en FENE! Tivo q ser kndo fun vr a meu pai ao ospital, xq senn nn o entnd
  17. Q IMS A AMSTERDAM! Ainda qdan 4mess. Oxala nn chova! Bks
  18. Tou mpaxadisima! a partr dagora vou facr peqnas catas da cmida q m ofrezas! a miña bedroom cheira a 1 mistura ntr pintura e dtrxnt (xa tño cortinas!!!!). Boas noits!
  19. Rock in theatre!!! aaaaaauuuuu! Jeje! Fuchs pa kasa? Sto is starting! Stams diante d tdo, tratarei d skivar as bqetas e as puas q lanzen! Jeje! Muaka chika 10!
  20. Q tal ye foi o dia ao meu ncfalograma plano favorito? Jeje! Eu bstante ben! XD maña xa stams xuntiñas! Podras awantar? Jeje! See u 2morrow darling! Muakakakaka!
  21. Boas noites pk! Nn t nfads, xq nn penso q fagas nada a proposito nin m8 -! Qtm8 e sei q ti a min tb, x m8 q digas. Dsknsa princesa. Qtm8m8m8m8! Boas noits!
  22. Smile baby
  23. jelou! Jau ar yu duing? Wi nid tu tolk! Tumorrou ai kal yu, if ai kan.
  24. stou kasa. Klqra kousa mbl. Tño q lr e nn m aptcia ir xa ali. Bks

 
 

'NOVOS RETOS DA LINGÜÍSTICA: AS TEXTUALIDADES ELECTRÓNICAS. CONSIDERACIÓNS SOBRE A ESCRITA DOS CHATS E DAS SMS' has no comments

Be the first to comment this post!

Would you like to share your thoughts?

Your email address will not be published.

Images are for demo purposes only and are properties of their respective owners.
Old Paper by ThunderThemes.net

Skip to toolbar